viernes, 16 de diciembre de 2011

Chegou o Apalpador



Moito antes de que a sociedade de consumo importase dos países nórdicos a Papá Noel, en Galiza xa habitaba a figura mítica do Apalpador. 


O Apalpador é un home de barba rubia, un vello xigante, que vive nas devesas das altas montañas facendo carbón para escorrentar o frío do inverno. 

Na noite do 24 de decembro baixa ata as aldeas, métese polas chemineas nas casas e achégase aos nenos e ás nenas que dormen ao remol das mantas e apálpalles as barrigas para ver se os cativos están ben alimentados. Dálles un bico na meixela e déixalles unha presa de castañas para que non pasen fame. 

O Apalpador é moi lambeteiro e se os nenos lle deixan un calcetín ou uns zapatos con algo doce para axudarlle a andar toda a noite visitando todas as casas de todos os nenos galegos, el entrégalles os agasallos de madeira, tea e cartón que fixo coas súas mans no tempo de lecer do resto do ano. Ao Apalpador gústanlle máis os xoguetes feitos á man con materiais naturais como a madeira ou o barro, cheos de cariño e respectuosos co medio ambiente, que aqueles de plástico, automáticos e con pilas que gastan moita enerxía e empobrecen os nenos e nenas doutras partes do planeta.



Para achegarnos un pouquiño máis a esta figura, recibimos nas escolas a visita do Apalpador ou Pandigueiro, coa que os nenos gozaron e aprenderon un montón!!

O PANDIGUEIRO on PhotoPeach
O Pandigueiro contounos o importante qué é compartir o que temos cos demáis, e o valor das cousas máis sinxelas, así como a importancia do coidado e respecto pola natureza.

2 comentarios:

  1. Encántame que se recupere a figura do Apalpador ou Pandigueiro para saír do consumismo no que se convertiu o Nadal. Vese que están todos moi atentiños. Unha entrada preciosa e chea de bos sentimentos. Biquiños nadaleiros.

    ResponderEliminar
  2. A verdade é que os nenos marcharon supercontentos co seu cucurucho de noces e castañas. É bonito non esquecer as nosas tradicións. Graciñas e unha aperta.

    ResponderEliminar